Pleno de éxitos e catro equipos máis na Liga Ouro
29/09/2026

Pleno de éxitos e catro equipos máis na Liga Ouro

O balonmán de Bueu está de parabéns, esta vez tras un fin de semana histórico no que os catro equipos do Bueu Atlético Balonmán que loitaban por entrar na Liga Ouro conseguiron o seu obxectivo. A vila viviu tres días de intensa emoción competitiva ao converterse en sede oficial de dous dos sectores de promoción, demostrando o gran nivel da súa canteira e o acerto dos seus corpos técnicos.

Os Pavillóns Municipais de Bueu e de Beluso acolleron unha fin de semana vibrante coa disputa dos play-offs de dúas categorías, onde a afección local levou en volandas aos seus equipos cara ao liderado absoluto.

Na categoría xuvenil masculina, o Socaire Arquitectos Bueu Atlético Balonmán, baixo a dirección técnica de David Iglesias, dominou o seu grupo con autoridade e gañou absolutamente todos os seus partidos. Os locais superaron a rivais da talla do Atlético Novás, o Balonmano Porriño JM e o Hierros Varela Urbieta Xiria. O conxunto de Carballo, o Xiria, rematou como segundo clasificado e tamén logrou o billete para a Liga Ouro acompañando aos de Bueu.

Pola súa banda, na categoría infantil feminina, as mozas do Restaurante Loureiro Mareiras Bueu Atlético, dirixidas dende o banquiño por Roque Arias, asinaron unha actuación idéntica e impecable. O equipo local venceu en todos os encontros do seu grupo, no que competían contra o BM Abegondo Bodegón de Noe, o Asmubal Meaño e o Rande Suministros Lavadores Vigo. O Lavadores vigués asegurou a segunda praza, acadando tamén un posto na máxima categoría.

O éxito do club non se limitou ao pavillón local, xa que os conxuntos que tiveron que desprazarse tamén ofreceron un rendemento inmellorable guiados polos seus adestradores.

O equipo infantil masculino, que tivo a Abel Juncal á fronte, viaxou ata A Coruña para xogar no pavillón municipal Novo Mesoiro. Alí, os de Bueu amosaron un nivel espectacular e gañaron todos os seus partidos contra o Tubasys Xiria, o BM Ribeiro Autoservicios Torejas e o local BM Línea 21 Climsa Climatización. Os coruñeses do BM Línea 21 finalizaron segundos e tamén selaron o seu pase á Liga Ouro.

A gran fin de semana redondeouse no pavillón A Marisma de Redondela coa participación do xuvenil feminino. O Padthaiwok Mareiras Bueu Atlético, ás ordes de Martiño Castro, asinou unha fase de clasificación sobresaliente para meterse de cheo na Liga Ouro. As de Bueu conseguiron o obxectivo xunto co Calfrima Carballal, nun grupo de moito nivel no que tamén competían o Ekokay As Choqueiras e o Instalacións Parcero Balonmán Moaña.

Con este pleno de catro de catro, sumado ó logro anterior do cadete masculino, o Bueu Atlético Balonmán consolídase como un dos clubs referentes do balonmán base en Galicia. Parabéns a xogadores, xogadoras, adestradores e afección por este fito histórico!